Comisiones Obreras - FSC Galicia

Comisiones Obreras - FSC Galicia
1 de Maio. Primeiro as persoas

xoves 2 de maio de 2019

Milleiros de persoas reclamaron nas rúas galegas que se mire polas súas necesidades e políticas que afronten as carencias sociais

Milleiros de persoas, convocadas por CCOO e UGT, saíron ás rúas das cidades e vilas galegas para celebrar este Primeiro de Maio. A cidadanía galega demandou nesta data que "primeiro as persoas" e a necesidade de que o novo Goberno acometa un cambio de políticas co obxecto de garantir máis dereitos, máis igualdade e máis cohesión.

Pancarta da manifestación central, na Coruña

Pancarta da manifestación central, na Coruña

Os secretarios xerais do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e de UGT-Galicia, que participaron na manifestación da Coruña, consideran que chegou o momento de situar as persoas á cabeza de todo. Durante moitos anos de crise, os traballadores e traballadoras deste país foron as grandes vítimas dunha situación que non xeraron, con recortes e perda continua de dereitos. Agora chegou o momento de esixir que se restitúan estes dereitos e que as persoas sexan o centro de todas as políticas.

Chegou o momento de garantir o emprego de calidade e a derrogación das reformas laborais de 2010 e 2012, que tanto dano causaron. Urxe un modelo de relacións laborais máis democrático, moderno e eficiente que potencie a contratación indefinida e salarios dignos, o que esixe apostar polo diálogo social e devolverlle á negociación colectiva o seu papel central. Tamén hai que perseguir e sancionar todas a formas de precariedade e loitar contra a fraude nas plataformas dixitais, establecer un estatuto das prácticas non laborais, regular a subcontratación e duplicar a dotación para as políticas activas de emprego.

Non se pode esquecer que aínda hai en Galicia 153.900 persoas en situación de desemprego; no último ano rexistráronse 900 activos menos; 67.200 persoas desempregadas levan máis dun ano na procura dun posto de traballo, delas, 49.600 máis de dous anos.

As familias seguen pasando apuros, hai 55.000 vivendas con todos os seus activos no paro e 27.000 sen ninguén que perciba ingresos. Se na poboación en xeral a taxa de paro é do 12,47 %, entre os menores de 25 anos sobe ata o 31,5 %. Isto, xunto a unha taxa de temporalidade do 25,8 %, do 27,3% entre as mulleres.

A precariedade é tal, denunciaron ambos os secretarios xerais, que en Galicia 223.600 persoas traballan cun contrato temporal e a taxa de parcialidade involuntaria é do 55,8 %. E, malia as grandes eivas do mercado laboral galego, a taxa de protección por desemprego non chega ao 60 %.

Todo isto, denunciaron, debuxa unha sociedade na que se acuña o termo «pobreza laboral» e na que a taxa de pobreza e risco de exclusión social está xa no 22,6 puntos. Resulta evidente que urxe adoptar medidas que reforcen o estado de benestar, para o que cómpre recadar máis e dun xeito máis xusto.

Mellorar a situación laboral esixe por forza un novo modelo produtivo sostible cun plan estratéxico para a industria; apoio ao I+D+i; mobilizar o potencial das áreas rurais; e, moi importante para Galicia pola situación actual en determinadas empresas, buscar unha saída xusta ás tarifas eléctricas para as industrias electrointensivas que lles permita competir coas da súa contorna.

Recadar máis e dun xeito máis xusto mediante unha fiscalidade máis progresiva para soster o gasto público, que é baixo en termos relativos. Este será outro dos obxectivos que polos UGT e CCOO loitarán para o incluír na axenda do novo Goberno. Isto esixe impulsar unha reforma fiscal integral que reduza na próxima lexislatura á metade o diferencial de presión fiscal que temos respecto á UE: co aumento da tributación sobre o capital e sobre a renda do traballo dos salarios máis elevados; coa elevación da presión fiscal real do imposto de sociedades para as grandes empresas; cun plan de choque contra a fraude fiscal; e coa promoción en toda Europa da loita contra os paraísos fiscais.

Lembraron que o pasado 8 de marzo, como sucedeu o ano anterior, a sociedade volveu falar alto e claro. Xa está ben de discriminación entre homes e mulleres, chegou o momento da igualdade real e efectiva. Así que urxe reducir a brecha salarial (23 % en Galicia; o 37,1% das mulleres teñen ingresos iguais ou inferiores ao smi), para o que hai que implantar unha lei de igualdade salarial; incidir no eido educativo; desenvolver a Lei orgánica para a igualdade efectiva entre homes e mulleres; propiciar a corresponsabilidade; desenvolver e pór en marcha o pacto de Estado contra a violencia de xénero; dotar a conciliación de estruturas e recursos públicos suficientes; e equiparar os permisos das e dos proxenitores e que estes sexan intransferibles.

O pulo ás políticas sociais e de loita contra a pobreza require implantar un solo de gasto social na Constitución que permita manter niveis de protección suficientes en sanidade, educación, vivenda, protección por desemprego, servizos sociais e pensións.

Neste Primeiro de Maio tamén se demandou que se garanta xa a viabilidade e suficiencia das pensións públicas, recuperando o Pacto de Toledo e o acordo social e político, derrogando a reforma de 2013, garantindo o financiamento suficiente e complementando a separación de fontes de financiamento.

Tamén é hora de garantir uns servizos públicos de calidade, para o que cómpre incrementar recursos públicos en sanidade, educación, vivenda, protección social e axuda á dependencia. Neste contexto, hai que demandar a aplicación real da Lei da dependencia e a derrogación da lomce e substituíla por unha lei educativa asentada nun pacto social e político pola educación.

O traballo de calidade tamén depende de que se intensifique a loita contra a sinistralidade laboral e se desenvolva un sistema que garanta a saúde integral dos traballadores e as traballadoras . Porque a sinistralidade no traballo mantense neste país como unha epidemia que non remite.
 

Milleiros de persoas reclamaron nas rúas galegas que se mire polas súas necesidades e políticas que afronten as carencias sociais

xoves 2 de maio de 2019

Ligazóns de interese relacionadas

Galería de imaxes

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
Webs territoriales
  • Abre acceso ós Blogs dos Sectores da FSC-Galicia.
  • Xornada Diversidade e Igualdade
  • FSC-Estatal
    • Guía práctica incapacidade laboral e mutuas
    • Enlace ISTAS
  • Sedes e contactos dos Sindicatos Comarcais da FSC Galicia
  • Acceso convenios.
  • Banner Vigo Pesqueiro
    • Diverclick
    • Banner
  • Resumo Prensa diaria.
  • Seguros Atlantis
  • Gaceta sindical
    • Convenio colaboración
    • Libro PDF
  • GALICIA SINDICAL
  • tribuna dos servizos á cidadanía
  • Fixemos facemos faremos
    • Fundación Paz e Solidariedade.
    • Fundación 10 de Marzo.
  • Queres ser delegado de CCOO.
  • Guia do delegado das AA.PP.
  • Convenio colaboración coa Academia ADAMS