venres 13 de decembro de 2019
xoves 27 de abril de 2017
CCOO aplaude a decisión do Colexio de Xornalistas de lle outorgar o amparo a un profesional da TVG que denunciou manipulación
O sector de medios de comunicación de Comisións Obreiras de Galicia e a sección sindical de CCOO no ente público aplauden a decisión do Colexio de Xornalistas de lle outorgar amparo a un profesional da Televisión de Galicia (TVG) que denunciara a emisión dunha noticia súa, pero manipulada.
O Colexio de Xornalistas outorga o amparo a un profesional da TVG que denunciou manipulación
O organismo colexial considera que os superiores deste xornalista menoscabaron os seus dereitos ao manipularen unha noticia e que, ademais, comprometeron a súa dignidade e imaxe profesional.
Desde CCOO consideran «triste» ter que chegar ao punto de que o órgano profesional dos xornalistas de Galicia inste a compañía pública a cumprir cos principios de pluralidade política, ideolóxica, cultural e social, amais de obrigar a respectar a profesionalidade dos xornalistas e a credibilidade dos contidos informativos.
A comezos de marzo, Luís Quintas, un redactor de longa traxectoria e recoñecido prestixio, elaborou unha peza informativa sobre o cultivo de ostras en Galicia, baseada en entrevistas realizadas na Universidade de Santiago a un equipo de investigación en acuicultura. Despois preparou esta información para o programa Galicia Noticias Mediodía. Na edición da tarde, Galicia Noticias Serán, a nova quedou «mutilada», pero mantívose a voz en off do autor.
Segundo CCOO, con esta mutilación pretendíase evitar que a audiencia escoitase a declaración dun técnico que criticaba a actitude do Goberno autonómico na cría e cultivo de moluscos en Galicia. Ese técnico dicía que a Xunta está desaparecida na atención e explicaba o porqué en 22 segundos de intervención. Tamén foi suprimido o parágrafo final da noticia, que dicía: «este especialista en cultivo de moluscos afirma que á Xunta non lle interesa aumentar a produción destas especies e lembra que nas depuradoras galegas predomina o marisco foráneo».
A TVG incumpriu as súas obrigas
Unha vez investigados os feitos denunciados, o que incluíu entrevistas coas partes interesadas, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) «entende que os superiores de Quintas, redactor da TVG, menoscabaron os dereitos que o asisten como xornalista», xa que, coa propia voz do afectado, emitiuse unha «noticia que fora mutilada sen o previo consentimento do autor».
O CPXG coida que con este feito a TVG «incumpriu a súa obriga de ofrecer unha información veraz e completa», o cal «dana a credibilidade» do medio de comunicación público. O escrito do organismo profesional non coida cribles as explicacións fornecidas pola dirección da televisión pública, que defendía o recorte da noticia por ser «demasiado longa», pois o único que se suprimiu da información foron as críticas á Xunta de Galicia.
O Colexio lamenta que a manipulación da información tamén compromete a «dignidade e imaxe profesional» do xornalista, cuxa voz acompañou a noticia. «Ningún xornalista pode ser obrigado a asinar unha información contra a súa vontade», incide o CPXG, e neste caso a peza emitida pola TVG «desvirtuaba de xeito substancial o traballo de Quintas».
Cómpre crear comités de redacción nos medios públicos
CCOO aplaude que o CPXG inclúa no seu escrito de amparo a necesidade de crear comités de redacción na televisión e na radio públicas, órganos profesionais que, a xuízo do Colexio, evitarían «que os xornalistas fiquen indefensos ante calquera decisión arbitraria que afecte ao contido do seu traballo».
CCOO aplaude a decisión do Colexio de Xornalistas de lle outorgar o amparo a un profesional da TVG que denunciou manipulación
Documentos relacionados
Áreas temáticas relacionadas
X
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para optimizar su navegación. Si continúa navegando está dando su consentimiento para su aceptación y nuestra politica de cookies, haga click aqui para más información y ver cómo desactivarlas.